ESTATUTOS DA FEDERACIÓN GALEGA DE BOXEO

TÍTULO II. DOS ÓRGANOS DE GOBERNO E REPRESENTACIÓN DA FEDERACIÓN GALEGA DE BOXEO.

Capítulo I. Xeneralidades

Artigo 8. Principio democrático
A Federación axusta o seu funcionamento interno ó principio democrático baseado nas eleccións reguladas no seu propio Regulamento Electoral, nos termos previdos no artigo 5 dos presentes Estatutos.

Artigo 9. Regulamento Electoral e procedemento de designación da xunta electoral
1. O Regulamento Electoral da Federación será aprobado pola Asemblea Xeral e remitido á Administración autonómica, para a súa aprobación, con anterioridade á realización efectiva do proceso electoral.

2. O devandito Regulamento haberá de regular as seguintes cuestións:

  1. Calendario electoral: prazos, requisitos para presentación e reclamacións de candidatos, así como sistemas de desempate e reclamacións.
  2. Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral e das mesas electorais.
  3. Censo electoral, dividido por circunscricións electorais de existiren éstas, con garantía da súa posta a disposición dos candidatos en cada caso.
  4. Número de membros da Asemblea Xeral e distribución dos mesmos por estamentos.
  5. Circunscricións electorais, de ser o caso, e número de representantes de cada estamento por cadansúa.
  6. Regulación do voto por correo.
  7. Sistema de elección do Presidente.
  8. Composición e sistema de elección da Comisión Delegada.
  9. Procedemento de resolución de conflitos, reclamacións e recursos electorais.


3. A xunta electoral constituirase de forma simultánea á convocatoria de eleccións, estando integrada por tres membros titulares e tres suplentes, elixidos por sorteo na Asemblea Xeral, entre as persoas que presenten a súa candidatura, que deberá facerse na mesma Asemblea Xeral na que teña lugar a súa elección, podendo estar os candidatos presentes nela. Os membros da xunta electoral deberán reunir os requisitos seguintes:

  1. Ser maior de 18 anos.
  2. Non presentarse como candidato a membro da Asemblea Xeral.
  3. Non ter relación contractual ou profesional coa Federación.
  4. Non estar cumprindo sanción disciplinaria firme ou sanción administrativa firme en materia deportiva que comporte sanción de inhabilitación para ocupar cargos nunha organización deportiva.

No caso de non presentación de candidatos a membros da xunta electoral, o Presidente da Federación proporá á Asemblea Xeral os membros necesarios para completala, que deberán reunir os requisitos definidos no apartado anterior. No acto de sorteo designarase, ademais, o número de suplentes establecidos para supostos de enfermidade o calquera outra causa excepcional.

4. Para as primeiras eleccións á Asemblea Xeral aplicarase a normativa a que se refire a disposición transitoria única dos presentes Estatutos.

Artigo 10. Órganos colexiados e órganos unipersoais
1. Os órganos de goberno e representación da Federación poden ser colexiados e unipersoais.

2. Son órganos colexiados da Federación a Asemblea Xeral, a Comisión Delegada e a Xunta Directiva.

3. Son órganos unipersonais da Federación o Presidente, o Secretario e o Tesoureiro.

Capítulo II. Dos órganos colexiados

Artigo 11. A Asemblea Xeral
1. A Asemblea Xeral é o máximo órgano de representación e goberno da Federación, e nela estarán representados os seguintes estamentos:

  1. Clubs deportivos.
  2. Deportistas.
  3. Xuíces-controladores.
  4. Técnicos-adestradores.
  5. Outros colectivos.


2. A Asemblea Xeral estará composta por membros elixidos entre e polos distintos estamentos arriba mencionados. A representación na Asemblea Xeral dos distintos estamentos responderá ás proporcións establecidas na lexislación aplicable, segundo o disposto no Regulamento correspondente.

3. A elección para a Asemblea Xeral levarase a cabo de acordo coas regras establecidas na lexislación aplicable, e no Regulamento Electoral.

4. Os membros da Asemblea Xeral serán elixidos cada catro anos por sufraxio libre, igual, directo e secreto, por y entre os integrantes maiores de 18 anos de cada estamento, consonte co número e proporcións de representación que se establecen nestes mesmos Estatutos e no Regulamento Electoral, nos anos en que teñan lugar os Xogos Olímpicos de Inverno. A representación dos clubs corresponde ó seu Presidente ou persoa autorizada, de acordo cos seus propios Estatutos. O exercicio dos dereitos dos deportistas, dos técnicos-adestradores e dos xuíces-controladores é persoal, e non admite delegación algunha. Ningún membro da Asemblea poderá ostentar unha dobre representación na mesma.

5. A Asemblea Xeral, tanto ordinaria como extraordinaria, quedará validamente constituída cando concorran na primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros, e na segunda convocatoria que terá lugar media hora máis tarde calquera que sexa o número de asistentes.

6. A Asemblea Xeral deberá ser convocada, en sesión ordinaria, alomenos unha vez ó ano, necesariamente antes de comezar unha nova tempada deportiva, alomenos co obxecto de:

  1. Aprobar o novo orzamento.
  2. Liquidar o anterior orzamento.
  3. Aprobar o calendario deportivo e máis as normas técnicas ou regulamentos deportivos que rexerán a competición.
  4. Aprobar a memoria de actividades anuais.


7. A Asemblea Xeral poderá ser convocada, con carácter extraordinario, polo Presidente, ou a proposta dun número dos seus membros non inferior ó 25%.
       Presentada a solicitude de convocatoria polo número de membros suficente, o Presidente a deberá convocar necesariamente no prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria até a data de celebración da Asemblea non poderán transcorrer máis de 20 días naturais.
       A convocatoria, que deberá conter a orde do día da reunión, notificarase individualmente a cada un dos membros da Asemblea cunha antelación mínima de 48 horas, por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción da mesma. Asemade farase pública na páxina web da Federación, con 10 días de antelación á data de celebración.

8. A Asemblea Xeral poderá reunirse en Pleno ou en Comisión Delegada.

9. Son competencias da Asemblea Xeral, en reunión plenaria, con carácter exclusivo:

  1. A aprobación do presuposto anual e máis a súa liquidación.
  2. A aprobación do calendario deportivo e máis das normas técnicas ou regulamentos deportivos que rexerán a competición.
  3. A aprobación dos regulamentos.
  4. A aprobación e máis a modificación dos Estatutos.
  5. A elección e máis o cese do Presidente.
  6. A disolución da Federación, que deberá ser acordada por decisión dos 2/3 de todos os seus membros.
  7. Calquera outras que estean previstas nos presentes Estatutos e máis, en xeral, todas aquelas que non estean atribuídas expresamente a outros órganos da Federación.


10. O voto será persoal. Non se admitirá a delegación de voto, salvo o correspondente ós clubs deportivos, que poderá exercitar o seu Presidente ou a persoa na que él delegue, sempre que non sexa membro da Asemblea da Federación, de acordo co seus propios Estatutos e con carácter expreso e escrito para cada reunión.

11. Os acordos serán adoptados, como regra xeral, por maioría simple, salvo naqueles casos en que sexa precisa maioría cualificada, consonte cos presentes Estatutos e Regulamentos que os desenvolvan.
       De todos os acordos levantarase acta, especificando os nomes das persoas que intervirán e máis as demais circunstancias que se consideren oportunas, así como o resultado da votación e, de ser o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.
       Os votos contrarios ó acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que puideran derivarse, de ser o caso, dos devanditos acordos.
       Todos os acordos serán públicos, salvo que, excepcionalmente, se acorde o contrario por maioría de tres cuartas partes dos membros do órgano decisorio.
       Os acordos da Asemblea Xeral poderán ser impugnados ante a Administración deportiva autonómica, consonte co disposto na lexislación vixente.

Artigo 12. A Comisión Delegada
A Comisión Delegada será elixida entre e pola Asemblea Xeral mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto entre os seus membros. O seu mandato coincidirá co da Asemblea Xeral. Será presidida polo Presidente da Federación como membro nato da mesma. Estará composta por alomenos cinco membros, debendo estar representados todos os estamentos, respectándose a proporcionalidade da Asemblea Xeral. O procedemento de elección será o fixado polo Regulamento Electoral da Federación.

Artigo 13. A Xunta Directiva
1. A Xunta Directiva é o órgano colexiado de xestión ordinaria da Federación, sendo os seus membros designados e separados libremente polo Presidente, que a presidirá. 

2. Os membros da Xunta Directiva que non o sexan da Asemblea Xeral terán acceso ás sesións da mesma, con dereito a voz pero sen voto.

3. Todos os cargos son honoríficos e, en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada a favor dalgún dos membros da Xunta Directiva, ten que ser expresamente acordada por maioría absoluta da Asemblea Xeral e constar de xeito diferenciado no orzamento. En ningún caso, a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a Federación.

4. Os membros da Xunta Directiva deberán estar en posesión da licenza federativa.

5. As funcións da Xunta Directiva son, entre outras:

  1. Organizar, impulsar, desenvolver e adaptar o programa deportivo, as actividades e máis o calendario de competición da Federación.
  2. Executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral.
  3. Desenvolver o orzamento xeral anual aprobado pola Asemblea Xeral, así como a xestión económica e administrativa da Federación.


Capítulo III. Dos órganos unipersonais

Artigo 14. O Presidente
1. O Presidente é o órgano executivo da Federación. Exerce a súa representación legal, convoca e preside os órganos de representación e goberno, e executa os acordos dos mesmos.

2. Será elixido cada catro anos por sufraxio libre, igual, directo e secreto, polos compoñentes da Asemblea Xeral presentes no momento da elección, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de Inverno, de acordo coa lexislación aplicable, e o Regulamento de aplicación. Non é necesario que sexa membro da Asemblea Xeral. Solo poderá ser reelixido consecutivamente unha vez. Non poderá desempeñar ningunha outra actividade directiva ou de representación dentro da propia estrutura federativa. Non poderá exercer simultaneamente a presidencia dun club deportivo integrado na Federación.

3. En caso de ausencia o incapacidade temporal, o Presidente será substituído polo vocal da Xunta Directiva designado polo propio Presidente, o, no seu defecto, polo vocal de maior idade.

4. O Presidente da Federación exercerá as seguintes funcións:

  1. Presidir e dirixir os órganos de goberno e representación dos que forme parte.
  2. O voto de calidade, en caso de empate, naquelas decisións a adoptar nos órganos que preside.
  3. Estimular e coordinar a actuación dos órganos federativos.
  4. Ordenar pagos a nome da Federación, asinando co Tesoureiro os documentos ó efecto.
  5. Conferir poderes especiais ou xerais a letrados, procuradores ou calquera outra persoa mandataria para que ostente a súa representación legal, tanto en xuízo como fora del.
  6. Designar e separar ó Secretario e máis ó Tesoureiro, así como ós demais membros da Xunta Directiva.


5. O Presidente da Federación cesará no seu cargo polos motivos seguintes:

  1. Expiración do prazo de mandato.
  2. Renuncia, morte ou incapacidade.
  3. Incorrer nalgunha das causas de inelixibilidade establecidas nos presentes Estatutos.
  4. Aprobación da moción de censura, que será sempre construtiva.


6. Producido o cese do Presidente por calquera das causas establecidas, excluída a moción de censura, o Presidente en funcións convocará a Asemblea Xeral nun prazo non superior a un mes, e a celebración de eleccións deberá ser anterior ó transcurso de dous meses desde o seu cese.

7. A moción de censura haberá de ser proposta por, alomenos, o 45% dos membros da Asemblea Xeral.
       Presentada a moción de censura, o Presidente enviará a convocatoria da Asemblea Extraordinaria en prazo non superior a 10 días naturais. Entre a data da súa convocatoria e a votación da moción de censura non poden transcorrer máis de 20 días naturais.
       O triunfo da moción de censura producirase polo voto favorable da maioría absoluta dos membros da Asemblea Xeral, resultando elixido Presidente o membro da Asemblea que plantexou a mesma.
       Se a moción de censura fose rexeitada pola Asemblea Xeral, os seus asinantes non poderán presentar outra moción até transcorrido un ano.

Artigo 15. O Secretario
1. O Secretario, que o será tamén da Xunta Directiva, será designado e separado polo Presidente.

2. O Secretario exercerá as funcións de fedatario e asesor, e más especificamente as de:

  1. Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, de ser o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.
  2. Expedir as certificacións oportunas dos acordos adoptados dos órganos de goberno e representación.
  3. Cantas funcións lle encomenden os presentes Estatutos e máis os Regulamentos da Federación, así como a lexislación vixente.

 
Artigo 16. O Tesoureiro
O Tesoureiro será designado e separado polo Presidente, podendo recaer o nomeamento no Secretario. O Tesoureiro exercerá as funcións de:

  1. Levar a contabilidade da Federación.
  2. Exercer a inspección económica de todos os órganos da Federación.
  3. Elaborar y presentar balances del estado contable de la Federación.
  4. Calquera outra función que lle encomenden os presentes Estatutos e máis os Regulamentos da Federación.

Federación Gallega de Boxeo