TÍTULO VII. DO RÉXIME DISCIPLINARIO.

Capítulo I. Disposicións xerais sobre infraccións e sancións

Artigo 31. Tipificación, natureza e clasificación das infraccións
1. As infraccións das regras do xogo ou da competición e as infraccións das normas xerais de conduta deportiva tipificadas nestes Estatutos constitúen faltas disciplinarias. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves. As sancións correspondentes aplicaranse en función da clasificación das infraccións.

2. Consideraranse infraccións moi graves as seguintes:

  1. As actuacións dirixidas a predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simple acordo ou decisión, o resultado dunha proba, encontro ou competición.
  2. Os comportamentos e actitudes agresivos e antideportivos ou discriminatorios dos deportistas ou técnicos, cando se dirixan ós xuíces, ós xurados, a outros xogadores, técnicos ou ó público.
  3. Os quebrantamentos de sancións impostas.
  4. A manipulación ou alteración, xa sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas de cada especialidade, cando poidan alterar a seguridade da proba, encontro ou competición ou poñan en perigo a integridade das persoas.
  5. Non executar ou desobedecer as resolucións no ámbito disciplinario do Comité Galego de Xustiza Deportiva.
  6. A inasistencia sen xusta causa dos deportistas ás convocatorias da selección galega ou a negativa da entidade deportiva a facilitar a súa asistencia.
  7. A aliñación indebida e non comparecer ou retirarse inxustificadamente das probas, encontros ou competicións.
  8. A reincidencia na comisión de faltas graves. Entenderase que hai reincidencia na comisión cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións graves no período dun ano.

Da infracción á que se refire a letra e) poderá ser responsable o Presidente da Federación, sen prexuízo das responsabilidades nas que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

3. Consideraranse infraccións graves as seguintes:

  1. A falta de remisión en prazo ou de forma manifestamente incompleta, sen xusta causa, dos expedientes ou da información requirida polo Comité Galego de Xustiza Deportiva.
  2. O incumprimento de ordes e instrucións emanadas dos órganos deportivos competentes.
  3. Actuar de forma pública e notoria contra a dignidade e o decoro propios da actividade deportiva.
  4. A reiteración de faltas leves. Entenderase que hai reiteración cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións leves no período dun ano.

Das infraccións ás que se refiren as letras a) e b) poderá ser responsable o Presidente da Federación, sen prexuízo das responsabilidades nas que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

4. Consideraranse infraccións leves as seguintes:

  1. As condutas contrarias ás normas deportivas que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves.
  2. A incorrección co público, compañeiros e subordinados.
  3. A adopción dunha actitude pasiva no cumprimento das ordes e instrucións recibidas de xuíces e autoridades deportivas no exercicio das súas funcións.


Artigo 32. Sancións
1. Pola comisión de faltas moi graves impoñeranse as seguintes sancións:

  1. Multa en contía non superior a 1.500 euros.
  2. Perda de  postos de clasificación.
  3. Perda da licenza.
  4. Expulsion do clube da Federacion.
  5. Suspensión ou privación da licenza federativa ou, de ser o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, ou da habilitación para ocupar cargos na Federación por un prazo máximo de cinco anos.
  6. Privación da licenza federativa, cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ou privación da habilitación para ocupar cargos na Federación a perpetuidade. Esta sanción únicamente se poderá acordar, de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extrema gravidade.
  7. Inhabilitación por un período de dous a catro anos, cando as infraccións sexan cometidas por directivos.
  8. Destitución do cargo, cando as infraccións sexan cometidas polos directivos.


2. Pola comisión de faltas graves impoñeranse as seguintes sancións:

  1. Amoestación pública.
  2. Multa en contía non superior a 1.000 euros.
  3. Clausura do recinto deportivo ata un máximo de catro probas ou tres meses.
  4. Suspensión ou privación da licenza federativa e/ou, se é o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e inhabilitación para ocupar cargos dun mes a dous anos.


3. Pola comisión de faltas leves impoñeranse as seguintes sancións:

  1. Apercibimento.
  2. Inhabilitación para ocupar cargos federativos ou suspensión de ata un mes, ou dunha a tres probas.


4. As multas só se lles poderán impoñer ás entidades deportivas e aos que, conforme a estes Estatutos, sexan considerados deportistas profesionais ou técnicos profesionais.

Artigo 33. Principio de proporcionalidade
1. No establecemento de sancións pecuniarias deberase ter en conta que a comisión das infraccións tipificadas non resulte máis beneficiosa para a persoa infractora que o cumprimento das normas infrinxidas.

2. Na determinación do réxime sancionador, deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada.

3. Para graduar as sancións teranse en conta as circunstancias concorrentes, a natureza dos feitos, as consecuencias e os efectos producidos, a existencia de intencionalidade, a reincidencia e a concorrencia de circunstancias agravantes ou atenuantes.

4. En función das circunstancias previstas nas alíneas anteriores, as sancións aplicaranse nos seus graos máximo, mínimo ou medio. De ser o caso, de concorreren circunstancias atenuantes cualificadas, poderase aplicar a sanción inferior nun grao á prevista.

Artigo 34. Circunstancias modificativas da responsabilidade
1. Serán consideradas como circunstancias atenuantes o arrepentimento espontáneo e a existencia de provocación suficiente inmediatamente anterior á comisión da infracción.

2. Serán consideradas como circunstancias agravantes da responsabilidade a reincidencia, o prezo, o prexuízo económico ocasionado e o número de persoas afectadas pola infracción respectiva.

3. Entenderase producida a reincidencia cando a persoa infractora cometa, polo menos, unha infracción da mesma natureza declarada por resolución firme, no termo dun ano.

4. Os órganos disciplinarios sancionadores poderán, no exercicio da súa función, aplicar a sanción no grao que consideren adecuado, ponderando, en todo caso, a natureza dos feitos, a personalidade do responsable, as consecuencias da infracción e a concorrencia de circunstancias atenuantes ou agravantes.

Artigo 35. Causas de extinción da responsabilidade
A responsabilidade disciplinaria extínguese:

  1. Polo cumprimento da sanción.
  2. Polo falecemento da persoa inculpada.
  3. Por disolución da entidade sancionada.
  4. Por prescrición das infraccións ou sancións.


Artigo 36. Prescrición de infraccións e sancións
1. As infraccións moi graves prescribirán ós tres anos, as graves prescribirán ó ano e, as leves, ó mes.

2. O termo de prescrición comeza a contar o día no que se cometeron os feitos e interrómpese no momento no que se acorda iniciar o procedemento sancionador. O seu cómputo reanudarase se o expediente permanecese paralizado durante un mes por causa non imputable ó presunto responsable.

3. As sancións prescribirán ós tres anos, ó ano ou ó mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou desde o momento no que se quebrantase o seu cumprimento, se este xa comezase.

Artigo 37. Prohibición de dobre sanción polos mesmos feitos
Non poderá impoñerse máis dunha sanción polos mesmos feitos.

Artigo 38. Aplicación dos efectos retroactivos favorables
As disposicións disciplinarias teñen efecto retroactivo en canto favorezan ó infractor, aínda que no momento de publicación das disposicións mais favorables recaera sanción firme.

Artigo 39. Prohibición de sancionar por infraccións non tipificadas no momento da súa comisión
Non poderá impoñerse sanción algunha por accións ou omisións non tipificadas como infracción con anterioridade ao momento de producirse, nin tampouco poderán impoñerse sancións que non estean establecidas por norma anterior á comisión da infracción.

Capítulo II. Procedementos e órganos disciplinarios deportivos

Artigo 40. Procedemento disciplinario
A imposición de sancións pola comisión das infraccións previstas nestes Estatutos e no Regulamento de réxime disciplinario que o desenvolva axustarase ós procedementos previstos no Capítulo IV do Título VII da Lei 3/2012, de 2 abril, do Deporte de Galicia.

Artigo 41. Clases de procedementos
1. Os procedementos para a imposición de sancións serán o abreviado e o ordinario.

2. O procedemento abreviado é aplicable para a imposición das sancións por infracción das regras do xogo ou da competición. En todo caso, deberá asegurarse o trámite de audiencia ás persoas interesadas e o dereito ao recurso.

3. O procedemento ordinario será de aplicación para as sancións correspondentes ás infraccións das normas xerais de conduta deportiva.

Artigo 42. Regras comúns ós procedementos
1. No non previsto nos presentes Estatutos, serán de aplicación supletoria as normas contidas na Lei 3/2012, de 2 abril, do Deporte de Galicia, na Lei 30/1992, de 26 novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Real Decreto 1398/1993, do 4 agosto, polo que se aprobou o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Os procedementos sancionadores respectarán a presunción de inexistencia de responsabilidade administrativa mentres non se demostre o contrario.

3. As sancións impostas a través do correspondente procedemento disciplinario serán inmediatamente executivas, agás que o órgano encargado da resolución do recurso acorde a suspensión.

4. As actas subscritas polos xuíces da proba ou da competición constituirán medio documental necesario en conxunto da proba das infraccións ás regras e normas deportivas. Igual natureza terán as ampliacións ou aclaracións a aquelas. As manifestacións do xuíz plasmadas nas citadas actas presúmense certas, agás proba en contrario.

Artigo 43. Procedemento abreviado
As regras ás que se axusta o procedemento abreviado son as seguintes:

1. Iniciación:

  1. O procedemento abreviado iníciase coa notificación da acta da proba ou competición, que reflicta os feitos que poden dar lugar a sanción, subscrita polo xuíz e polos competidores ou polos delegados dos clubs. No suposto de que os feitos que poidan dar lugar a sanción non estean reflectidos na acta, senón mediante anexo, o procedemento iníciase no momento no que teña entrada na Federación o anexo da acta da proba ou documento no que queden reflectidos os feitos obxecto de axuizamento. Ademais, designarase unha persoa instrutora que exercerá as funcións de impulso na ordenación do expediente e de secretaria ou secretario, e serán aplicables as causas de abstención e recusación reguladas na Lei 30/1992, de 26 novembro.
  2. Tamén se pode iniciar a instancia da parte interesada, sempre que a denuncia se presente nas dependencias da Federación dentro do segundo día hábil seguinte ó día no que se celebrara a proba ou competición.


2. Tramitación e resolución:

  1. No prazo de dous días, que se contarán desde a notificación prevista na alínea anterior, as persoas interesadas poderán formular alegacións en relación cos feitos consignados na acta, anexo ou denuncia. Tamén poderán propoñer ou achegar, se é o caso, as probas pertinentes. A proba deberá practicarse no prazo máximo dos dous días hábiles seguintes ó da súa admisión.
  2. O órgano instrutor trasladará, no prazo máximo de dous días que se contarán a partir da presentación de alegacións ou da práctica da proba ou da súa denegación, ó órgano competente para resolver a proposta de resolución, para que, dentro do día seguinte, se dite resolución na cal se deben expresar os feitos imputados, os preceptos infrinxidos e os que habilitan a sanción que se impoña. Así mesmo, deben expresarse na mesma resolución os motivos de denegación das probas non admitidas se non se realizase con anterioridade. A resolución deberase notificar ás persoas interesadas, con expresión dos recursos que se poidan formular contra ela e do prazo para a súa interposición.


Artigo 44. Procedemento ordinario
As regras ás que se somete o procedemento ordinario son as seguintes:

1. Iniciación:

  1. O procedemento iníciase por acordo do órgano competente, de oficio ou a instancia de persoa interesada.
  2. O acordo que inicie o procedemento conterá a identidade do instrutor, se é o caso do secretario, da autoridade competente para impoñer a sanción e a norma que lle atribúa tal competencia, o prego de cargos que conterá a determinación dos feitos imputados, a identificación da persoa ou das persoas presuntamente responsables, así como as posibles sancións aplicables. Este acordo deberáselle notificar á persoa interesada. Serán aplicables ó instrutor e ó secretario as causas de abstención e recusación e procedemento establecidas na Lei 30/1992, de 26 novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


2. Tramitación:

  1. Durante a tramitación do procedemento, o órgano competente para incoalo, de oficio ou a instancia do instrutor, poderá acordar en resolución motivada as medidas que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer.
  2. O acordo de iniciación notificarase ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para contestar os feitos e propoñer a práctica das probas que conveña á defensa dos seus dereitos e intereses.
  3. Practicaranse de oficio ou admitiranse a proposta da persoa interesada cantas probas sexan adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades. Só se poderán declarar improcedentes aquelas probas que pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable.
  4. Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para facelo, ou concluída a fase probatoria, o instrutor redactará a proposta de resolución, ben apreciando a existencia dalgunha infracción imputable e neste caso conterá necesariamente os feitos declarados probados, as infraccións que constitúan e as disposicións que as tipifiquen, as persoas que resulten presuntamente responsables e as sancións que procede impoñer, ou ben propoñendo a declaración de inexistencia de infracción ou responsabilidade e o sobresemento con arquivo das actuacións. A proposta de resolución notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para formular alegacións e presentar os documentos que estimen pertinentes.


3. Resolución:

  1. Recibidas polo instrutor as alegacións ou transcorrido o prazo de audiencia, elevará o expediente ó órgano competente para resolver.
  2. A resolución do órgano competente pon fin ó procedemento común e ditarase no prazo máximo de dez días hábiles.


Artigo 45. Lexitimación para recorrer as sancións

Están lexitimadas para interpoñer recurso en materia disciplinaria as persoas directamente afectadas pola sanción. Enténdese, en todo caso, por tales os deportistas, as súas entidades deportivas e as entidades deportivas participantes na competición.

Artigo 46. Órganos disciplinarios
No Regulamento de réxime disciplinario especificarase a composición e funcionamento dos órganos competentes en materia disciplinaria, que serán:

  1. Na primeira instancia, un comité de competición o xuíz único.
  2. Na segunda instancia, un comité de apelación.


Artigo 47. Comité Galego de Xustiza Deportiva
Contra as resolucións da Federación en materia disciplinaria cabe recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Volver: TÍTULO VI

Siguiente: TÍTULO VIII