TÍTULO VI. DO RÉXIME ECONÓMICO-FINANCEIRO.

Artigo 26. Do orzamento e da data de peche do exercicio económico da Federación
1. A Federación ten orzamento e patrimonio propios e deberá someter a súa contabilidade e o seu estado económico ou financeiro ás prescricións legais.

2. A Federación non poderá aprobar orzamentos deficitarios, aínda que, excepcionalmente, a Administración deportiva autonómica competente poderá autorizar con tal carácter.

3. A administración do orzamento responderá o principio de caixa única, debendo adicarse os ingresos propios, de forma prioritaria, ós gastos da estrutura federativa.

4. A Xunta Directiva elaborará o proxecto de orzamento correspondente ó seguinte exercicio, o peche do cal coincidirá co da tempada deportiva respectiva, para a súa aprobación pola Asemblea Xeral durante o último trimestre do exercicio económico.

5. O devandito orzamento deberá remitirse á Administración deportiva no prazo dun mes desde a súa aprobación.

Artigo 27. Inspección económica
A Federación someterá os seus libros de contabilidade á inspección, así como as auditorías financeiras sobre a totalidade dos seus gastos, a requirimento da Administración deportiva autonómica competente.

Artigo 28. Exhibición da documentación económica
As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da Federación, cunha antelación de 15 días á celebración da Asemblea Xeral, a disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia, que se lles entregará antes da celebración da Asemblea.

Artigo 29. Ingresos da Federación
1. O patrimonio da Federación estará integrado por:

  1. Cotas dos seus afiliados.
  2. Dereitos de inscrición e demais recursos que procedan das competicións organizadas pola Federación.
  3. Rendementos dos bens propios.
  4. Subvencións, ou outras achegas, que as entidades públicas poidan concederlles, así como doazóns, herdanzas, legados e premios que lles sexan outorgados por entidades públicas ou privadas.
  5. Calquera outro recurso que lles poida ser atribuído.


2. A Federación destinará a totalidade dos seus ingresos e do seu patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto.

3. Os fondos deberán depositarse necesariamente en contas a nome da Federación, en entidades financeiras, sen prexuízo de manter en caixa as sumas precisas para atender os gastos correntes.

4. Toda disposición de fondos con cargo ás devanditas contas deberá autorizarse por dúas sinaturas mancomunadas: a do Presidente e a do Tesoureiro. Non obstante, en casos de ausencia xustificada ou de enfermidade, calquera deles poderá delegar a súa sinatura en outro membro da Xunta Directiva. A devandita delegación deberá realizarse por escrito.

Artigo 30. Regras económico-financeiras específicas
Será necesaria a autorización da Administración autonómica para a venda ou gravame dos bens inmobles cuxa titularidade lle corresponda á Federación que fosen financiados, en todo ou en parte, con fondos públicos. Así mesmo, requirirase igual autorización cando a Federación pretenda comprometer gastos de carácter plurianual ou cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe deste en relación co seu orzamento, vulneren os criterios que regulamentariamente se determinen. Esta autorización poderase consignar nos contratos programa que poidan ser asinados entre a Administración deportiva autonómica e a Federación para o desenvolvemento das súas actividades e funcións.

Volver: TÍTULO V

Siguiente: TÍTULO VII